Description
“Faláchesme na man” é o revolucionario debut discográfico da banda galega Trilitrate. Un prodixio sonoro colmado de beleza, construído sobre os piares fundamentais que brindan o violín de Elena Vázquez, a guitarra de Rubén Abad e o acordeón de Marcos Padrón.
Unha colección de pezas de corte elegante, sincrético e cunha creatividade atípica. Os galegos acadan definir un carácter e estilo distintivo e autónomo aínda que o disco presenta elementos dun formidable eclecticismo.
A través de “Faláchesme na man” navegamos no tempo e no espazo, somos espectadoras nun auditorio refinado, nun café parisino, nun pub irlandés, nun antro porteño dos anos 30 ou nun teatro avant garde.
Música de cámara, minimalismo, folk, jazz, improvisación libre, vangarda ou músicas do mundo colisionan nunha supernova de marabillas sónicas de escoita emocionante e adictiva.
O formato físico do disco goza ademais do soberbio deseño de Alberto Larrañaga, tamén coñecido como Bort, que sela o impecable labor artístico do conxunto.